Os nosos veterinarios teñen experiencia na realización de exames psicolóxicos e físicos para a elaboración de informes de valoración de episodios de agresividade e potencial perigo, así como no asesoramento á autoridade competente municipal onde ocorrese o suceso.
Segundo a Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia pódense entender como cans potencialmente perigosos tamén aqueles que manifesten un carácter marcadamente agresivo ou os que tivesen algún episodio de agresións a persoas ou ataques de certa entidade a animais ou cousas.
Nestes casos o potencial perigo deberá ser apreciado pola autoridade municipal, de oficio ou despois dunha notificación ou denuncia, atendendo a criterios obxectivos e logo de informe dun profesional veterinario designado para o efecto.
A agresividade non é exclusiva de cans de determinadas razas e gran tamaño. Son moi frecuentes os casos de cans de tamaño pequeno ou mediano, quizais porque non se lle presta tanta atención á súa educación.