Xestión de colonias felinas

Inclúe o censo, a captura, esterilización e retorno de gatos comunitarios ao seu territorio

Regresan á súa colonia recuperados, esterilizados e marcados

Os CER melloran a calidade de vida dos gatos que viven na rúa e axudan a protexelos contra enfermidades

Xestionamos colonias felinas, entendendo como tal grupos de gatos que viven en estado de liberdade ou semiliberdade pero vinculados a un territorio e que desenvolven a súa vida preto das persoas para garantir a súa subsistencia.

Estes individuos coñecidos como gatos ferais ou comunitarios normalmente teñen un baixo ou nulo grao de socialización o que dificulta a posibilidade de adopción.

Coa xestión das colonias son alimentados, censados e sometidos a un programa sanitario e de control poboacional CER.

O método CER de xestión das colonias felinas inclúe a captura, esterilización, identificación, marcaxe e retorno de gatos comunitarios ao seu territorio.

Para as capturas e retornos utilizamos gaiolas e outros elementos de contención non lesivos para os animais.

Unha vez no refuxio e antes de entrar en quirófano para a súa esterilización son sometidos a unha exhaustiva revisión veterinaria e aplícanselles os coidados necesarios.

Só regresarán ao seu territorio unha vez que estean recuperados de posibles lesións, enfermidades e da intervención para a súa esterilización.

A todos márcaselles nunha orella para saber que xa foron esterilizados.

Compartimos co Colexio Español de Veterinarios a súa idea de que os CER supoñen mellorar a calidade de vida dos animais ferais que viven na rúa e que axudan a protexelos contra enfermidades.

Co tempo esta poboación podería ir diminuíndo e chegar a desaparecer. Isto supoñería que todos os gatos teñan un fogar e estean protexidos ante inclemencias e enfermidades; e non na rúa onde sofren todo tipo de penurias e menoscabos ao seu benestar, en moitas ocasións chégalles a morte por un atropelo ou unha enfermidade evitable.

Cremos firmemente que a forma máis eficaz de frear os malos tratos e o abandono animal é a concienciación dos máis pequenos.

A implicación de colexios na xestión de colonias felinas sería un paso decisivo encamiñado a cumprir estes obxectivos.