Xestión de entregas

Por causas xudiciais, falecementos, incapacidade, VioGén, RES...

As entregas autorizadas teñen como fin evitar situacións críticas

Lévanse a cabo unicamente en casos excepcionais

Este tipo de actuacións que se coñecen como «entregas autorizadas» normalmente comportan un gran sufrimento, tanto para os animais como para as súas familias.

Lamentablemente xa nos tocou en máis dunha ocasión ser testemuñas de situacións de auténtica desesperación.

Como axudamos a que un menor en risco de exclusión social comprenda que o seu gatiño non poderá seguir vivindo con eles porque, ao fin, servizos sociais conseguiulles unha vivenda de protección oficial?

Como consolamos a unha familia que se sente culpable pola dor desta separación e que ten que asinar esa renuncia?

E non, non sempre é irresponsabilidade por parte das familias a calquera nos poden cambiar as circunstancias da noite para a mañá e ter que tomar decisións tan duras como esta!

Os animais que chegan ao refuxio por causas xudiciais permanecerán baixo o noso coidado ata que exista unha resolución. Se o xulgado así o autoriza, poderán aloxarse en fogares de acollida.

As entregas de animais no refuxio teñen que contar coa autorización expresa do concello no que reside o seu titular. Existen solicitudes específicas para iso que se deben presentar por rexistro e, en ocasións, é necesario o aboamento das taxas establecidas.

Trátase de casos excepcionais normalmente asociados a unha grave enfermidade do/da titular que o/a imposibilite para o coidado do animal, a unha situación vulnerable que impida dispoñer dos recursos suficientes para os seus coidados, ao falecemento do titular, violencia familiar, causas xudiciais etc.

No momento da recollida das entregas autorizadas aceptadas, tanto no refuxio coma se é no seu propio fogar, comprobamos que a titularidade do microchip coincide coa solicitude de entrega e realízaselle un exhaustivo exame veterinario para verificar o seu estado sanitario.

Normalmente, se a entrega é no propio fogar, a revisión veterinaria realízase segundo chegan ao refuxio. Se o estado do animal é grave desprázase a veterinaria para valoración e atención in situ.

En calquera caso, cando non dispoñen das condicións sanitarias adecuadas alóxanse nas zonas de corentena do refuxio ata a súa recuperación, desparasitación e vacinación.

As entregas autorizadas lévanse a cabo unicamente en casos excepcionais para garantir o benestar animal e evitar situacións críticas.

Nas entregas autorizadas con renuncia por parte do titular e sempre que o estado do animal así o permita, pasan a acollida e adopción de maneira inmediata co fin de facilitar o máis posible a transición á súa nova vida e evitarlle, na medida do posible, sufrimentos e traumas innecesarios.